Home » Cultura e RSE

Cultura e RSE

O pasado día 3 de xullo tivo lugar na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela o evento “Cultura e Responsabilidade Social Empresarial” organizado por falaRSE coa colaboración da Cidade da Cultura de Galicia e a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia.

O evento congregou a numerosos profesionais vinculuados á acción cultural, ao ámbito universitario e directivos de empresas. A xornada foi inaugurada polo conselleiro de Cultura e Educación da Xunta de Galicia, Jesús Vázquez Abad, acompañado do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o secretario xeral de política lingüística, Valentín García; o director xeral de Relacións Laborais, Odilo Martiñá; a xerente da Cidade da Cultura, Beatriz G. Loroño; e o director de falaRSE, Jorge Gómez.

O programa do evento incluíu unha conferencia inaugural que tivo como título “Cultura e responsabilidade social: un binomio estratéxico” a cargo da profesora e investigadora en RSE da Facultade de Economía e Empresa da Universidade da coruña, María Dolores Sánchez Fernández.

María Dolores expuxo como a responsabilidade social é un cocepto transversal que abrangue tanto a empresas, coma a outras organizacións como universidades ou institucións públicas. A responsabilidade social é un modelo de xestión, de caráter voluntario, que nun diálogo permanente cos grupos de interese pretende optimizar os impactos sobre estes nos planos social e ambiental, ademais do económico. A produción cultural, sinalou María Dolores, representa unha forma de crear impacto social por parte das organizacións e que pode integrarse na súa estratexia de responsabilidade social. A cultura e a responsabilidade social deben ir xuntos e crear valores.

A primeira mesa redonda levou por título “A integración das linguas dentro da estratexia de responsabilidade social das empresas”. Nela participaron Malú Bergantiños, responsable de comunicación de R; Fernando Ramallo, profesor do Departamento de Lingüística da Universidade de Vigo e Jorge Gómez, director de N-Nova como moderador.

Malú Bergantiños centrou a súa exposición en como R integra a lingua galega na súa estratexia de comunicación cos seus grupos de interese. Malú sinalou que máis alá do idioma, R integra a idiosincrasia e valores de Galicia. Pola súa banda, Fernando Ramallo que participou na realización dun informe para a secretaría xeral de Política Lingüística, se referiu ás empresas que teñen en conta a diversidade lingüistica como “lingüisticamente responsables” e animou ás organizacións a abordar a complexidade desta diversidade con naturalidade e sensibilidade cara ás comunidades lingüísticas nas que operan. Na parte final, Jorge Gómez, presentou a ferramenta de diganóstico RS PEMES promovida pola Fundación Alares e Mekit, na que N-Nova colaborou na súa tradución á lingua galega. Unha ferramenta que permite realizar un diagnóstico de situación en RSE e que se pon a disposición das pemes galegas para axudalas na definición da súa estratexia de responsabilidade social.

Tras un pequeno receso comezou a segunda mesa redonda do día que tivo como título “Empresas e Cultura. o tecido empresarial como aliado dos proxectos culturais”. Participaron nela Maria Lemos, responsable do Programa de participación a través da arte contemporánea de Gas Natural Fenosa; Antonio Cortés, director de marketing de Gadisa; Pablo Zunzunegui, director xerente de DMC Galicia; e foi moderada por Beatriz Lorenzo, directora editorial de falaRSE.

María Lemos sinalou ás manifestacións artísticas como unha canle para a integración e a inclusión, así como favorecer a accesibilidade á cultura das persoas con discapacidade. Antonio Cortés centrou a súa exposición nas múltiples accións que Gadisa leva a cabo en apoio de eventos e iniciativas culturais dende o seu compromiso coa responsabilidade social e a sostibilidade. Pablo Zunzunegui ofreceu unha alternativa de calidade e de integración co entorno ao turismo tradicional. Iniciativa que deu lugar a un interesante debate, que continuaría na seguinte mesa, acerca das oportunidades existentes en Galicia para un turismo sostible e que achegue as realidades e modo de vida de cada zona aos visitantes.

A mañá pechouse coa mesa “A conservación do patrimonio: cara a un turismo responsable e sostible” onde interviñeron Paula Remoaldo, da Universidade do Minho; Marta Arenas Romasanta, vogal da Asociación de Executivas de Galicia e Yolanda García, membro do grupo de investigación Sociedade, Tecnoloxías e Territorio da Universidade de Santiago de Compostela e responsable do Proxecto Galicia Auténtica.

Paula Remoaldo mostrounos a experiencia de Guimarâes, Capital Europea da Cultura. Paula presentou os resultados dunha análise do impacto deste evento dende o punto de vista dos visitantes e dos visitados, así como os desafíos para o turismo cultural no país veciño. A continuación, Marta Arenas fixo fincapé nos valores asociados á responsabilidade social, moi presentes na Asociación de Executivas dende a súa creación, e avogou por un achegamento ao patrimonio cultural e paisaxístico como unha experencia integral. O Proxecto Galicia Auténica puxo fin á xornada de mañá, onde Yolanda García deu a coñecer ao público esta iniciativa consistente nun museo etnográfico virtual que conta con máis de 1.200 contidos dixitais sobre a cultura, estilo de vida e paisaxes rurais das bisbarras de Galicia.

A sesión da tarde estivo dedicada a unha recompilación de experiencias prácticas que constataron a conexión existente entre cultura e responsabilidade social.

A primeira mesa estivo adicada ao “Impulso da cultura dentro da estratexia de responsabilidade social das empresas”, onde interviñeron Manuel Iglesias, director de Galopín Parques e Loli Rodríguez, administradora de Alvarella. Manuel constatou a importancia da cultura como inspiración para a industria onde o mundo da artesanía supón unha importante fonte de coñecemento. Loli Rodríguez presentou aos asistentes o proxecto Alvarella que promove o desenvolvemento sostible e a diversificación da economía rural.

A longa xornada concluíu coa segunda mesa de experiencias, “Inclusión e integración a través das manifestacións culturais”, dedicada a organizacións do terceiro sector e na que estiveron presentes: Anxo Queiruga, presidente de COGAMI; Daniel González secretario técnico do Fondo Galego de Cooperación; Carmen Díaz-Paché, membro da Oficina Autonómica de Cruz Vermella e Juan de Sola, presidente de Agareso.

Anxo Queiruga explicou as barreiras que se encontra o colectivo de persoas con discapacidade no acceso á cultura e como é posible unha integración deste colectivo. Na súa intervención, Daniel González, expuxo como o Fondo Galego de Cooperación tiña un alcance global dende o local con iniciativas como “A Tropa de Trapo” que queren levar unha mensaxe de esperanza e solidariedade a través da cultura, co obxectivo de mellorar o mundo e entendelo mellor. Carmen Díaz-Paché situou a diversidade como un valor e achegounos campañas de Cruz Vermella en favor da diversidade cultural como “en realidade non ten graza”. Juan de Sola puxo fin ao evento destacando a importancia da comunicación veraz e da transparencia en substitución do buenismo.

 

Deixa un comentario:

You can use these tags:
<a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>

This is a Gravatar-enabled weblog. To get your own globally-recognized-avatar, please register at Gravatar.