Home » Integración, Terceiro Sector

A cotización á alza da xenofobia

8 Agosto 2011 0 Comentarios

A cotización á alza da xenofobia

Juan de Sola

Eran os grandes protagonistas como Forza de Traballo (FT) no mercado laboral durante os anos dunha economía alegre e optimista. A outros niveis, contaban cun recoñecemento e a complicidade social para chegar a un grao absoluto de integración.

Non existían dúbidas en abrir, de par en par, as portas da convivencia multicultural. A presión chegaba aos escanos do parlamento para que a lexislación marcase un futuro de garantías a aquelas persoas que optaban por migrar da súa realidade co obxectivo de forzar un ‘cruzamento de camiños’ coas oportunidades.

Os avances na tolerancia colectiva parecían proxectarse nunha dirección modélica e humanizada. Cabe recoñecer que os lazos de pluralidade estaban aínda nun proceso de construción que quedou inconcluso, e moito nos tememos que o compromiso colectivo quedará sen finalizar, polo menos a medio prazo.

Non obstante, a aceptación a recibir persoas inmigrantes era elevada. Apenas xurdían voces discrepantes contra a incorporación, ao noso modelo de convivencia, de persoas asediadas polas dificultades de desenvolvemento persoal, familiar e social (DESC).

Desgraciadamante, aqueles tempos convertéronse nun mero espellismo, “proxectado nun fráxil cristal que se esnaquiza con tan só un leve golpe involuntario”. Aquel camiño emprendido para eliminar á integración do catálogo da utopías detívose nos primeiros quilómetros. “Falsas expectativas”.

É máis, no presente, algunhas inaceptables versións apuntan a un novo secuestro do progreso social derivado dunha irresponsable práctica política en favor dunha xestión da inmigración baseada en dar facilidades ao recien chegado. “Condutas que aparecen cando o novo rico deixa de selo.

Ese intento por fumigar unha estendida praga de intolerancia, sobre a existencia de seres humanos procedentes da diversidade cultural, converteuse no típico argumento próximo ao ‘xénero do cinismo’. Para algúns, no presente, non resulta difícil cambiar a careta de ‘progre pola ultraconservador’. Simplemente, porque toca ou non require de elevados esforzos máis que cruzar dunha beira á outra no discurso, pásase sen complexos éticos dunha defensa ao ataque máis feroz.

Da prioridade á invisibilidade. Das leis favorables ás redadas e deportacións, sen apenas garantías para defender os mínimos Dereitos Fundamentais. Esa é tamén a proposta dalgúns ‘practicantes políticos’ que inxectan dose de intolerancia á sociedade a traves de posicións e programas de goberno para rabuñar votos.

O exposto non é un simple conxunto de apreciacións xornalísticas. É unha denuncia pública e sonora de colectivos solventes como SOS Racismo, Movemento Contra a Intolerancia ou a asociación hispano ecuatoriana Rumiñahui.

Os tres colectivos aseguran que, tras o paso do vendaval electoral do 22 de Maio, varios partidos de inexistente tolerancia xa lograron situar representacións nas futuras corporacións municipais e goberno autonómicos, con intencións de construír novos muros apoiados na xenofobia.

Advirten que montarán un instensivo posto de vixilancia. Temen as consecuencias nas formas nas que se dará cumprimento á Lei de Réxime Local (Empadroamentos e Censos municipais) e a aplicación da Lei de Extranjeria.

“Vota”, ese termo máxico da democracia que comeza a estar cuestionado pola súa forma de uso (Movemento 15 M), converteuse noutro sibilino elemento de discriminación. A día de hoxe, non todos os programas electorais están abertos a xestionar políticas de biodiversidade social. E, non obstante, reciben respaldo e logran o obxectivo de situarse nas administracións coa lexitimidade que outorga o sistema.

Exercer o dereito ao sufraxio universal con certo criterio non só é unha responsabilidade de quen propón senón tamén de quen dispón. Avalar futuras accións de goberno que agriden ou reduzan os dereitos doutros pola súa orixe, condición, cultura ou relixión estamos obrigados a recordar que colisionar contra calquera marco constitucional.

A regresión das políticas sociais son unha suposta consecuencia dunha crise real ou inventada, segundo a teoria esogida. En calquera dos casos, a historía encargouse, en repetidas ocasións, de mostrarnos a cara máis deshumanizada e cruel ante enérxicos episodios de intrasigencia padecidos por persoas de características sociais ou raciais, entre outras, diferentes á maioría.

Convén deliberar, as veces que sexa necesario, antes perder o ronsel da coherencia como seres humanos e pasemos á historia sendo clasificados como a sociedade de referencia en materia de insolidariedade. Quizais, fágase necesario meditar regularmente coas sagradas escrituras da Tolerancia, nas mans, antes de revisar de esguello a situación dos mercados, a prima de risco ou a débeda pública.

Nun mero descoido, podemos presenciar como a cotización da xenofobia volve situarse á alza sen os sinxelos remedios a man que reduzan os irreparables e nocivos efectos dunha das patoloxías sociais con numersos antecentes no pasado.

*Acceso ao informe sobre ‘A evolución do Racismo e Xenofobia 2010 de Mª Angeles Cea e Miguel S. Vales, publicado polo Observatorio Español de Racismo e Xenofobia.

Juan de Sola é xornalista especializado no ámbito social e Comunicación para o Desenvolvemento (CpD). Dezasete anos en exercicio, especialmente, en raio e prensa de ambitos nacional e internacional. Premio Nacional ao Mérito Social Penitenciario polo proxecto da Radio cos internos da Lama (Pontevedra).

Deixa un comentario:

You can use these tags:
<a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>

This is a Gravatar-enabled weblog. To get your own globally-recognized-avatar, please register at Gravatar.